Thursday 02 de May de 2024

O Concello da Pobra do Caramiñal, depositario da Copa Galicia de Vela


Tripulación no mar, familia e amizades na terra. O Auditorio do Museo Valle-Inclán viviu na tarde deste 11 de abril un acto no que o Concello da Pobra do Caramiñal se converte temporalmente en depositario da Copa Galicia de Vela, triunfo que ostenta o Club Náutico Arousa Norte.

Manuel Villaverde e Juan Santamaría, presidentes da Real Federación Galega de Vela e do Club Náutico Arousa Norte, respectivamente, fixeron entrega do trofeo ao alcalde, José Carlos Vidal, quen agradeceu a mostra de xenerosidade. “Isto é un gran xesto, non só coa Administración local en si, senón con toda a veciñanza da Pobra do Caramiñal porque poderán contemplar este espléndido trofeo na súa casa, na casa do concello”, manifestou Vidal.

Unha histórica copa que data da época de Alfonso XIII, segundo apuntou Villaverde, e que se exhibirá nunha vitrina nos sucesivos meses no primeiro andar do consistorio grazas ao bo facer das tripulacións do Thor II, Chispetren, Alpha e Camping Ría de Arousa, tal e como precisou Santamaría; un gran logro para a entidade fundada no 2019 que “agardamos que sexa o punto de partida para que neste concello se afiance a práctica da vela.” Porque como ben dixo o presidente da Federación, “temos unhas rías marabillosas para poder realizar a nosa actividade.”

Precisamente, o rexedor enxalzou A Pobra como un referente no eido deportivo e, ao ser localidade mariñeira, posúe un forte vínculo cos deportes náuticos. Un deles, a vela. Este tamén xoga un papel importante a nivel turístico ao poñer en valor o patrimonio paisaxístico e contribuír a dinamiza-la vida social e económica.

Durante o acto, aproveitouse a ocasión para homenaxear a traxectoria do regatista José Manuel Pombar, quen recibiu unha peza do artista local Manuel Teira. Baixo o nome O carreiro do mar, trátase dunha figura elaborada en granito negro de Campo Lameiro; unha obra abstracta cuxa estética replica as liñas imaxinarias que traza a rosa dos ventos. Como declarou o propio escultor e pintor durante unha intervención na que houbo oco para a anécdota, “agardo que vos amose as coordenadas precisas da luz.”

O homenaxeado amosouse agradecido e quixo compartilo con todas aquelas persoas que nalgún momento formaron parte do equipo. Unha trintena de nomes, sen os que “non podería participar en tantas regatas, nin conseguir tantos premios.”

Tres décadas dedicándose á súa paixón, á vela, como destacou o mandatario local no momento da felicitación.